Unha nova Lei facilitará recuperar a terra abandonada a quen a desexe traballar

1 minutes read

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que a nova Lei de recuperación da terra agraria de Galicia promoverá a recuperación dos terreos abandonados ou infrautilizados e facilitará base territorial a quen a desexe traballar.

Esta norma avoga pola ordenación do territorio rural e pola súa posta en valor mediante novos mecanismos, como: as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta. Todos eles instrumentos totalmente voluntarios baseados nos arrendamentos, nas cesións nas transmisións da titularidade das parcelas ou na xestión conxunta. Así mesmo, o texto establece o procedemento de declaración de abandono ou infrautilización de predios e fomenta a investigación da propiedade. Así, coa información que achegue a investigación, a Xunta actuará de oficio para actualizar o catastro en Galicia, notificando ao Goberno central -que ten as competencias na materia- os resultados dese labor. Por outra banda, a lei crea tamén un Banco de explotacións, que mediará entre os donos de granxas que abandonan a actividade e os interesados en traballalas. O obxectivo é “fomentar a remuda xeracional e aproveitar as terras da propia explotación”, explicou Feijóo, subliñando que para acadar este obxectivo contarase con incentivos fiscais, nunha dobre vertente: no que atinxe a impostos que xestiona a propia comunidade autónoma e propoñendo ao Estado, ademais, melloras tributarias nos impostos que dependen del.