A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou que o recorte de cotas de pesca proposto por Bruxelas para o Cantábrico-Noroeste no 2021 -que exclúe aos caladoiros do Gran Sol e Francia á espera das negociacións sobre o brexit- tería un impacto potencial de preto de 30 millóns de euros no conxunto da economía galega. Desa cifra global, 12,5 millóns de euros corresponderíanse coa afectación na primeira venda de produtos do mar, o que supón o 60% dos preto de 23 millóns de euros de afectación potencial que a proposta da Comisión Europea tería na frota española que faena no caladoiro Cantábrico-Noroeste.
Ademais, esta situación afectaría a máis de 2.300 tripulantes das diferentes frotas cunha redución potencial nos seus salarios de máis de 4,6 millóns de euros. Estes son os datos que recolle un informe do Executivo galego trasladado ao Goberno central de cara a fixación das posibilidades de pesca para o ano que vén e que puxo de relevo a titular de Mar no marco do Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios celebrado en Madrid.