Aberto o prazo de solicitudes para poder pescar lamprea no río Tea a próxima tempada

1 minutes read

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ven de abrir o prazo de presentación de solicitudes para a pesca da lamprea nas pesqueiras do río Tea. Así se recolle na Orde publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) co fin de regular e autorizar a pesca desta especie nesta zona así como fixar o período e as condicións para poder participar na tempada de 2021.

O período hábil estenderase do 1 de febreiro ao 15 de maio e realizarase en días alternos: os luns, mércores e venres desde as estacadas impares; e os martes, xoves e sábados desde as pares. Prohíbese a pesca desde as 8,00 horas dos domingos ata as 21,00 horas dos luns; polo tanto, permítese a pesca desde as 21,00 horas do día autorizado ata as 08,00 horas do día seguinte.

O prazo para a presentación de solicitudes será de 10 días hábiles. Unha vez finalizado este período, elaborarase unha lista cos admitidos e excluídos para participar no devandito sorteo. De acordo co número obtido, cada persoa adxudicataria retirará un lote de permisos de cuarta categoría para toda a tempada, logo de pagar o prezo público que corresponda e de presentar a licenza de pesca correspondente.