Comezan as obras de ampliación da escola infantil de Salvaterra de Miño

1 minutes read

O proxecto prevé a creación, nunha edificación anexa, de dúas aulas e dous aseos, así como a ampliación da sala de usos múltiples e a habilitación dunha zona para o aparcamento dos carriños. As obras permitirán ampliar a superficie útil da escola en preto de 250 metros cadrados. As actuacións, aínda que se desenvolverán durante o curso, están planificadas para evitar as molestias mentres a escola estea en funcionamento, creando accesos independentes para as familias e os operarios. Ademais, evitaranse os ruídos durante os momentos de descanso das nenas e nenos.

A Consellería de Política Social, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, asinou un convenio co Concello para o financiamento destas obras por un importe de algo máis de 200.000 euros. A Xunta investirá 161.000 euros e o Concello de Salvaterra de Miño asumirá a cantidade restante, ademais dos custes derivados da redacción do proxecto e dirección de obra, entre outros traballos. Está previsto que a Consellería de Política Social invista, unha vez executadas as obras, 38.000 euros máis para o equipamento das aulas.