A Lei de ordenación do territorio entrará en vigor a comezos de 2021

1 minutes read

O Parlamento galego aprobou a Lei de Ordenación do Territorio (LOT), un novo instrumento que actualiza e substitúe a unha norma con 25 anos de vixencia co fin de dotar á Comunidade autónoma dun novo instrumento urbanístico máis útil, clarificador e eficaz.

Os grandes criterios e obxectivos aos que responde a nova Lei son facilitar o desenvolvemento ordenado do medio natural e do solo como ben limitado, garantir a protección dos valores paisaxísticos e a sostibilidade ambiental, facer accesibles os servizos e infraestruturas públicos, e loitar contra o cambio climático.

O obxectivo básico da LOT é actualizar e facer máis eficaz o marco normativo urbanístico de Galicia, ao tempo que se simplifica administrativamente a súa aplicación práctica. Nese sentido, o texto reduce a catro o número de instrumentos de ordenación: Directrices de Ordenación do Territorio; Plans territoriais (diferenciando entre integrados e especiais, en función da súa maior ou menor escala e ámbito de afección ambiental); Plans Sectoriais; e Proxectos de Interese Autonómico.

A este respecto, a principal novidade é a creación dos Proxectos de Interese Autonómico como único instrumento de intervención directa no territorio, en substitución dos Proxectos Sectoriais de Incidencia Supramunicipal. A súa función será a de planificar e executar actuacións no territorio que transcendan o ámbito do municipio polo seu impacto territorial, económico e sociocultural, como pode ser a implantación de dotacións urbanísticas ou a ampliación de grandes empresas e infraestruturas públicas como, por exemplo, hospitais.