O Servizo Galego de Saúde acadou, no pasado ano, unha cifra de 110 doazóns de órganos e mantivo en 328 a cifra de transplantes de órganos nos seus hospitais, uns datos moi destacables, tendo en conta a actual pandemia de Covid. Así mesmo, resulta especialmente salientable o feito de que o número de transplantes de corazón feitos en Galicia foi o máis alto a nivel nacional, e o número de transplantes de pulmón foi o mais alto en Galicia desde que comezou o programa no ano 1999 e o segundo do Estado.
Estes datos foron dados a coñecer nunha rolda de prensa na que estivo presente o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas; a directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García; e a coordinadora autonómica de transplantes, Encarnación Bouzas Caamaño.
Do total de transplantes, 141 foron de ril; dos cales 17 procedían de doante vivo, 103 de fígado, 2 de páncreas, 29 de corazón e 53 de pulmón. Salientar que, desde que se realizou o primeiro transplante, no ano 1981, ata o 31 de decembro de 2020, xa se levan feitos en Galicia un total de 8.623 transplantes de órganos.