O BNG reúnese co sector do transporte para urxir ao Goberno a rebaixa das peaxes da AP-9

1 minutes read

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, o portavoz no Congreso, Néstor Rego, e o deputado do Parlamento galego, Paulo Ríos, mantiveron unha reunión telemática con asociacións de transportistas de mercadorías e viaxeiros e autónomos para abordar a situación das peaxes da AP-9. Na xuntanza, en que participaron representantes de FETRAM, FEGABUS, FEGATRAVI, APETAMCOR, Transportes Lixeiros da Coruña, APE-Galiza e ATA houbo coincidencia en urxir o Goberno a aplicar xa as medidas previstas no Acordo de Investidura para abaratar os custos das peaxes da AP-9 por non existiren razóns obxectivas para seguilas demorando.

Néstor Rego lembrou que no Acordo de Investidura asinado entre o BNG e o PSOE en xaneiro de 2020 ficaron recollidas tres medidas pensadas para abaratar os elevadísimos custos das peaxes da AP-9. “Estas medidas terían de entrar en vigor no momento en que ficasen aprobados os Orzamentos do Estado, e os de 2021 entraron en vigor o 1 de xaneiro, coas partidas necesarias para poder aplicalas”, salientou o portavoz no Congreso.