O vindeiro sábado 20 de setembro ás 17.00 horas, o Faro Vilán en Camariñas acollerá a inauguración da exposición «DÈFERLANTES UNFURLED» do artista francés François Jeune (Lyon, 1953). O propio creador estará presente no acto, compartindo co público as claves da súa obra, chegada directamente desde os seus talleres no mítico Bateau-Lavoir de París e no Hézo, a beiras do Golfo de Morbihan.
A auga é o eixo central do seu traballo: o seu medio, o seu motivo e a súa inspiración. A través de fluxos de tintas e pigmentos sobre grandes paneis murais, Jeune recrea o modo en que as ondas rompen e expándense, xerando formas que evocan tanto o movemento como a forza incesante do mar.
A mostra permanecerá aberta ata o 6 de novembro, no horario habitual do Faro Vilán: de mércores a domingo, de 10.00 a 14.00 e de 15.00 a 18.00.
Os visitantes adentraranse nunha experiencia inmersiva, onde as obras funcionan como mapas marítimos sorprendentes atravesados por un mar en continuo movemento.