O castelo de Vimianzo converteuse na mañá deste sábado nun escenario singular para gozar dos peixes da lonxa de Laxe. A Confraría de Pescadores de Laxe ofreceu unha degustación gratuíta na que se serviron preto de 500 racións elaboradas polo cociñeiro Miguel Mosteiro e o seu equipo, co obxectivo de achegar ao público a calidade, frescura e sustentabilidade da pesca costeira artesanal de Laxe.
Moito dos asistentes acudira expresamente á actividade, mentres que outros visitantes do castelo víronse gratamente sorprendidos pola oferta gastronómica gratuíta, ideada para mostrar a versatilidade de especies tan presentes na lonxa de Laxe como a raia, a pescada e o xurelo. Estes peixes servíronse en tres elaboracións diferentes:
• Tacos mexicanos de raia con verduriñas e salsa chipotle
• Pescada ao vapor con crema de apio nabo e allada galega
• Xurelo braseado con gnocchis e bruschetta italiana
En total, durante o evento servíronse 140 racións de xurelo, 160 racións de tacos de raia e 180 racións de pescada.
A degustación dos peixes de Laxe estivo concibida non só para resaltar a riqueza mariñeira do porto de Laxe e a súa lonxa, senón tamén para divulgar o valor da pesca costeira artesanal: unha actividade que garante a frescura, calidade e sustentabilidade das capturas e que mantén á comunidade mariñeira local, un piar económico, social e cultural da Costa da Morte.
A cita en Vimianzo foi a primeira dun calendario de iniciativas impulsadas pola Confraría de Pescadores de Laxe para dar a coñecer a excelencia dos seus produtos pesqueiros. A próxima degustación terá lugar o 18 de outubro no mercado de Elviña, na Coruña. Ademais, ao longo de 2026 prevese a celebración de novas actividades en diferentes puntos da provincia. Con esta estratexia de promoción, a confraría busca consolidar o seu compromiso coa divulgación dos valores da pesca artesanal e fomentar o consumo dos produtos pesqueiros da súa lonxa.