Caión estrea dous novos murais no paseo marítimo e no Rueiro das Figueiras

3 minutes read

Caión xa conta con dous novos murais creados por iniciativa do Concello para embelecer os espazos públicos da vila, reforzar a súa tradición mariñeira e dinamizar o turismo. Foron presentados este domingo á cidadanía polas súas creadoras, Carola Sánchez e Ana Santiso, nun acto que estivo copresidido polo alcalde, José Manuel López Varela, e o presidente do GALP Costa da Morte, Evaristo Lareo, e no que se convidou a participar a toda a cidadanía para que veciños e visitantes puidesen coñecer os detalles das obras nunha visita explicativa, convertendo a mañá nun encontro de arte, memoria e identidade compartida.

Algario de Caión

Situado na baixada ao paseo marítimo desde a rúa da Torre, a carón da Confraría de Pescadores e o Arquivo da Pesca. A creación de Carola Sánchez combina técnicas tradicionais de esgrafiado en cal con traballo en cemento nun reto técnico condicionado ás característica do muro e a súa exposición ao mar e ao veto. A composición mestura grafismo orgánico e figurativo inspirado no mar, cunha escena central que evoca a recollida do golfe, as algas autóctonas de Caión que foron durante xeracións aproveitadas polas familias da vila como recurso económico e agrícola. A obra rende homenaxe a ese labor, realizado sobre todo polas mulleres, e conecta co territorio a través do uso da cal como material con valor técnico e simbólico.

As Redeiras de Caión

Sobre a fachada dunha vivenda no Rueiro das Filgueiras pode contemplarse o mural de Ana Santiso, que en tonalidades azuis recrea a memoria mariñeira e as súas protagonistas. Redes, traiñeiras, mariñeiros e sereas compoñen unha peza que honra a tradición das mulleres que cosían e amañaban redes, prolongando a súa vida útil e facendo posible unha pesca sostible. O mural é tamén un retrato colectivo: veciños e veciñas recoñécense en escenas e lembranzas, desde antigas casas ata nomes de embarcacións, convertendo a parede nun espello da historia viva da comunidade.

Un proxecto global para Caión

Estes dous novos murais completan un proxecto máis amplo que nos últimos meses transformou a imaxe da vila co múltiple propósito de embelecela, reforzar a súa identidade mariñeira e dinamizar o turismo. Fíxose a través de O mar de Caión, un acercamento ao medio ambiente mariño e costeiro co apoio da Consellería do Mar, a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Costa da Morte, e co cofinanciamento da Unión Europea no marco do Fondo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027.

Hai agora un ano presentáranse outros dous murais na fachada dunha vivenda da Avenida da Laracha e na grúa do porto. E a primeiros do presente mes de setembro estreáronse as letras corpóreas co nome da Caión no paseo marítimo e a creación da ruta Self-Caionízate, con cinco puntos pensados para inmortalizar a visita a Caión. O programa complementouse con actividades de educación ambiental, como foron a andaina polo Sendeiro Azul, a ruta para avistar aves mariñas e a exposición sobre esa mesma temática que, baixo o título Compañeiras do mar e do ceo, pode visitarse aínda ata o 3 de outubro no Centro Sociocomunitario.