Comezan as obras de humanización e mellora urbana no segundo tramo da rúa Castelao de Vimianzo

2 minutes read

O Concello de Vimianzo vén de poñer en marcha as obras de humanización e mellora urbana no segundo tramo da rúa Castelao. A intervención, cun orzamento de 213.278 euros, abrangue o tramo comprendido entre a avenida de Fisterra e a rúa Evaristo Martelo, na que se manterá a circulación normal no tempo no que se executen os traballos.

O proxecto, que dá continuidade a unha primeira fase rematada no pasado mes de maio, ten como obxectivo transformar a rúa e convertela nun espazo máis humano, accesible e pensado para a veciñanza. Con esta meta procederase á repavimentación integral da zona, ampliando o espazo destinado aos peóns. Ademais, crearanse zonas específicas para estar de maneira tranquila, puntos de carga e descarga e incorporarase vexetación.

Un dos cambios máis destacados será a modificación do eixo da rúa, que pasará a ser sinuoso, pero non demasiado pronunciado, de xeito que permita reducir a velocidade dos vehículos ao acceder dende a AC-552. O novo pavimento contribuirá á nova imaxe do espazo, xa que se empregará lousa de formigón para a circulación de vehículos, adoquín para áreas de estar ou de carga e descarga e lousas de granito para os espazos peonís, sen diferenzas de altura entre ningún deles, garantindo así unha maior accesibilidade.

As obras inclúen tamén a renovación das infraestruturas, xa que antes do pavimentado executarase a nova rede de evacuación de pluviais, con canalizacións de maior capacidade, e substituirase a rede de saneamento que hai na actualidade. Tamén se instalará iluminación suspendida (luminarias tipo catenaria), deixando preparada a canalización para unha futura iluminación baixa. Renovaranse tamén as canalizacións de electricidade e telecomunicacións e adaptaranse as arquetas e bocas de servizo á nova rasante. Ao remate da actuación procederase á instalación do mobiliario urbano tanto no tramo desta fase como da anterior.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, destacou que este “é un novo paso adiante no noso obxectivo de avanzar na humanización dos espazos públicos, convertendo o noso centro urbano nun lugar máis accesible e pensado para incrementar a seguridade das persoas”.

A rexedora agradeceu de antemán “a comprensión e paciencia de todos os veciños e veciñas, así como das persoas propietarias de comercios e establecementos da zona. Sabemos de primeira man que as obras non son agradables, pero o resultado merecerá a pena”.