O Concello de Zas, a través da área de Cultura, pon en marcha un ciclo de exposicións no Centro Sociocultural de Baio co obxectivo de achegar a arte á veciñanza e favorecer a difusión cultural na comarca. A programación queda aberta desde o 1 de outubro, ás 18:00 horas, coa inauguración de VitaminArte, da artista María José Rodríguez. O acto contará coa presenza da creadora e do alcalde de Zas, Manuel Muíño.
“VitaminArte” é unha mostra na que se mistura a pintura e as vitaminas, tanto físicas como espirituais. Nesta exposición, cada obra é unha dose de benestar con cores que revitalizan, formas que espertan a imaxinación e sons e imaxes que tocan fibras profundas. “VitaminArte é unha invitación a deixarte contaxiar de enerxía positiva, a abrir os sentidos e enchernos de felicidade”, sinala María José Rodríguez, artista desta mostra que se pode ver do 1 ao 31 de outubro no Centro Sociocultural de Baio.
Ciclo de exposicións
Ao longo dos meses de outubro a xuño, o CSC de Baio acollerá oito exposicións con temáticas e estilos diversos, dirixidas a todos os públicos. Trátase dunha iniciativa coa que o Concello de Zas quere consolidar este espazo como referente cultural da comarca, favorecendo o acceso á arte, apoiando a creación de artistas e xerando novas oportunidades de aprendizaxe e diálogo coa cidadanía.
“Queremos que o Centro Sociocultural de Baio sexa un lugar de encontro onde veciños e veciñas poidan descubrir propostas creativas variadas, reflexionar arredor da arte e gozar dela como ferramenta de benestar e de cohesión social”, sinalan desde a área de Cultura do Concello de Zas.
O horario de visitas ás exposicións é:
– De martes a venres de 15:30 a 20:30 horas.
– Sábados de 10:00 a 14:00 horas.