Campaña de concienciación en Camariñas para coidar o mar e a contorna natural

1 minutes read

O Concello de Camariñas, en colaboración coa asociación Mar de Fábula, impulsa unha nova campaña de concienciación ambiental coa que se pretende sensibilizar á veciñanza sobre a importancia de non tirar nada ao mar e de protexer o medio mariño e o litoral do municipio.

A iniciativa, baixo o lema “Camariñas, a perla da limpeza ambiental da Costa da Morte”, busca promover unha maior responsabilidade cidadá na xestión dos residuos e na conservación da contorna natural.

A campaña estrutúrase en varias accións divulgativas. En primeiro lugar, difundiuse un tríptico informativo en todos os domicilios do municipio, no que se recollen mensaxes e recomendacións sobre boas prácticas ambientais e o impacto que o lixo mariño ten sobre a fauna e os ecosistemas costeiros.

Ademais, celebraranse varias reunións informativas nas diferentes parroquias de Camariñas co obxectivo de explicar os obxectivos da campaña e recoller as opinións e propostas da veciñanza:

  • Venres, 10 de outubro, ás 19:00 h. en Camariñas (Casa de Pedra).
  • Venres, 24 de outubro, ás 19:00 h. en Camelle-Arou.
  • Venres, 7 de novembro, ás 19:00 h. na Ponte do Porto.
  • Venres, 21 de novembro, ás 19:00 h. en Xaviña.

O Concello e Mar de Fábula fan un chamamento á participación veciñal nestes encontros, lembrando que a protección do mar e da contorna é unha responsabilidade compartida e que cada pequeno xesto conta para conservar o patrimonio natural de Camariñas.