A alcaldesa Goretti Sanmartín puxo en valor o labor do Consorcio de Santiago

2 minutes read

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, acompañada do concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, participou na inauguración da sétima edición do Curso Superior de Especialización en Xestión de Obras de Rehabilitación, organizado pola Fundación Laboral da Construcción de Galicia e o Consorcio de Santiago. Na súa intervención, puxo en valor as políticas de rehabilitación que impulsa o goberno de Santiago e a aposta por compactar a cidade, ao tempo que destacou o labor neste mismo eido do Consorcio, que ela mesma preside e ante a presenza do xerente, José Antonio Domínguez Varela.

“O crecemento urbano e o desenvolvemento de solo non poden ser infinitos; a aposta debe ser un modelo urbano compacto, que nos leva a poñer o foco na optimización do que xa está construído, polo que é un momento especialmente importante para o sector da rehabilitación”, defendeu na súa intervención. 

Goretti Sanmartín puxo en valor o labor do Consorcio de Santiago que, “da man dun excelente equipo técnico, promoveu importantes obras para a recuperación de edificios e do espazo público”. Ademais, explicou que, a través da rehabilitación con criterios de sustentabilidade e de accesibilidade universal, “optimizamos o emprego dos recursos naturais, melloramos o comportamento climático do parque inmobiliario e das cidades, aumentamos o confort e a calidade de vida das persoas usuarias e, ao mesmo tempo, preservamos o noso patrimonio arquitectónico e cultural”.

A rexedora compostelá considerou que “sen renunciar ao seu carácter transformador, rehabilitar debe ser sinónimo de recuperar os elementos e os valores culturais e sociais do patrimonio construído, as técnicas construtivas propias, a tectónica das estructuras tradicionais e os oficios e materiais de proximidade”.

A alcaldesa animou a seguir exemplos que recoñecen na arquitectura galega un dos fitos máis importantes e a aprender da “nosa brillante arquitectura tradicional para propoñer estratexias e metodoloxías renovadas”.