A Alianza galega polo clima acada xa os 100 membros 

2 minutes read

A Alianza galega polo clima conta xa con 100 membros trala adhesión da Asociación Española de Maioristas, Importadores, Exportadores e Transformadores de Produtos da Pesca e da Acuicultura (Conxemar) ao compromiso de loita contra o quecemento global. Deste xeito a entidade -que conta con máis de 230 empresas asociadas, máis dun cento delas galegas- colaborará na creación de sinerxías para aumentar a resiliencia da Comunidade ante o cambio climático.  

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, puxo en valor durante a sinatura do convenio de adhesión o fito de chegar ao centenar de entidades -entre as que se inclúen universidades, autoridades portuarias, clubs deportivos ou empresas- implicadas na adopción de medidas para frear os efectos do quecemento global. De feito, salientou que Galicia pode converterse nun auténtico refuxio climático e, por iso, animou aos socios de Conxemar a unirse tamén de forma individualizada á alianza.  

Conxemar

A Asociación Española de Maioristas, Importadores, Exportadores e Transformadores de Produtos da Pesca e da Acuicultura conta con 234 empresas asociadas -101 delas galegas- que suman máis de 9.000 millóns de euros de facturación anual e arredor de 17.000 empregos.  

A entidade está fortemente comprometida co medio ambiente pois ten a sostibilidade como un dos seus principais retos presentes e futuros. Nesta liña, está adherida desde 2021 ao Código de conduta da Unión Europea para as prácticas empresariais e de comercialización responsables no ámbito alimentario, unha cuestión que coincide coa súa visión estratéxica dunha industria de transformación e comercialización de produtos do mar sustentable en todos os sentidos.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?