A ampliación da zona azul e o estudo da fachada costeira de Razo, a debate no pleno carballés

1 minutes read
  • A implantación da 5ª fracción tamén irá a debate no próximo pleno do luns 2 de marzo

A corporación municipal de Carballo reunirase este luns 2 de marzo en sesión extraordinaria, debido ó aprazamento do pleno ordinario por coincidir co Entroido. Na convocatoria figuran varias propostas para o debate, incluídas mocións dos catro grupos políticos.

Entre os asuntos que se abordarán na xuntanza, a corporación aprobará o pago de facturas pendentes do ano 2019 por algo máis de 248.000 euros. Tamén se modificará o contrato de xestión da recollida de lixo xa que, segundo o alcalde Evencio Ferrero, é preciso implantar a 5ª fracción. O Concello de Carballo está obrigado pola lexislación europea a reducir nun 50% o lixo depositado no colector verde antes do ano 2021, un obxectivo que require da colaboración da veciñanza.

Outro dos temas a tratar é a ampliación do aparcadoiro regulado coa zona azul, cuxa proposta consiste na creación de 11 prazas na rúa Vila de Negreira e de 7 na rúa Lugo. Por outra banda, a corporación aprobará forma definitiva o estudo da fachada costeira de Razo.

A corporación municipal debaterá tamén cinco mocións. O PSOE presentou dúas, unha sobre a creación dunha liña de axudas de bono-taxi para persoas con mobilidade reducida e outra sobre parques e xardíns; Terra Galega quere se retransmitan en directo a través de Internet os plenos e as mesas de contratación; o PP propón levar a cabo unha campaña de concienciación cidadá sobre a recollida das dexeccións das mascotas na vía pública, e o BNG presenta unha iniciativa sobre o 8 de marzo, Día Internacional da Muller.