Con motivo do Día Mundial Sen Tabaco, que se celebra o próximo 31 de maio, a Asociación Española Contra o Cancro na provincia da Coruña impulsa diversas accións de sensibilización e prevención, con especial atención á protección da poboación nova fronte ao tabaquismo e as novas formas de consumo.
O tabaquismo continúa sendo un dos principais retos de saúde pública. Está relacionado cun de cada tres casos de cancro, e segue sendo unha das principais causas evitables desta enfermidade. Segundo a OMS, máis de 7 millóns de persoas falecen cada ano polo seu consumo, e máis de 1,6 millóns pola exposición ao fume de segunda man.
En España, máis de 50.000 persoas perden a vida cada ano por causas relacionadas co tabaco. A esta realidade súmase unha preocupación crecente na poboación nova, onde o uso de novos dispositivos como os cigarros electrónicos ou vapeadores segue en aumento: o 22,8% dos adolescentes entre 14 e 18 anos consómeos e o 44,3% probounos algunha vez. Ademais, o 80% dos casos de tabaquismo comezan antes dos 18 anos e perpetúanse debido á dependencia á nicotina.
Segundo estimacións do Observatorio do Cancro da Asociación, na provincia da Coruña fuman a diario 171.515 persoas, das que 10.553 son novas de entre 15 e 24 anos. A esa cifra hai que sumar 22.372 fumadores ocasionais, dos que máis do 15% teñen entre 15 e 24 anos.
Accións crave para facer fronte á industria tabacalera
A estratexia da industria tabacalera pasa por atraer aos máis novos a través de márketing e publicidade, con especial foco nas redes sociais. Entre as súas accións concretas, inclúese a banalización do risco e a promoción de novas formas de consumo, que presentan erroneamente como alternativas menos daniñas.
Ante esta situación, a Asociación Española Contra o Cancro reforza o seu compromiso co obxectivo de conseguir que España alcance en 2030 a primeira xeración libre de tabaco e nicotina, impulsando accións aliñadas co marco internacional MPOWER da Organización Mundial da Saúde (OMS), que busca abordar de maneira integral o problema do tabaquismo.
Desde a Asociación insístese na necesidade de avanzar en medidas eficaces como a ampliación dos espazos sen fume; a regulación da publicidade, a promoción e o patrocinio; o reforzo da concienciación social e a implicación de todos os axentes (institucións, comunidade educativa, familias e sociedade).
A evidencia demostra a necesidade de reforzar e ampliar as medidas de control do tabaco, porque son efectivas. O consumo reduciuse nun 7,7% en 2011 e nun 10,2% en 2006 tras diversas reformas lexislativas.
“Mentres sigamos preguntándonos como é posible que a primeira causa de morte prevenible, e responsable de máis de 20 tipos e subtipos de cancro, siga entrando na vida das persoas menores e novas, seguiremos traballando para cambialo. Só así lograremos que, para 2030, haxa en España unha primeira xeración de mozos libres de tabaco e nicotina”, indica o presidente da Xunta Provincial da Asociación Española Contra o Cancro na Coruña, Javier Álvarez Barbeito
Acción local na provincia da Coruña
Na provincia da Coruña, a Asociación Española Contra o Cancro reforzou nos últimos días as súas accións de sensibilización e prevención con motivo do Día Mundial Sen Tabaco, achegando este labor a distintos ámbitos da sociedade.
O pasado 27 de maio, o municipio de Ribeira acolleu a declaración dun novo Espazo Sen Fume no Parque das Avesadas, en colaboración co Concello e a Asociación Renacer. Este acto supón un novo paso na promoción de hábitos saudables e na protección da poboación.
A iniciativa enmárcase no proxecto Espazos Sen Fume que a Asociación impulsa en toda a provincia en colaboración con administracións e entidades sociais. O seu obxectivo é promover contornas libres de tabaco, vapeo e outros dispositivos —especialmente en espazos frecuentados por menores— así como avanzar na desnormalización destes consumos. Ademais, coa creación destes espazos, tamén se evita que a poboación continúe sendo fumadora pasiva de forma involuntaria en contornas educativas, praias, parques e outros lugares de uso público.
Coa incorporación do Parque das Avesadas en Ribeira, a Asociación Española Contra o cancro conta xa cun total de 77 espazos sen fume activos na provincia coruñesa.
Nesta mesma liña de traballo, o 28 de maio pola mañá a Asociación desenvolveu tamén unha acción no ámbito universitario mediante a instalación de varias mesas informativas en distintos espazos da Universidade da Coruña (UDC), como o Centro Universitario de Riazor, a Biblioteca Xoana Capdevielle e o Centro de Apoio ao Estudo do Campus de Ferrol. Os campus da UDC —que xa forman parte da rede de Espazos Sen Fume— achegaron información e prevención á poboación universitaria.
Para reforzar a mensaxe, esta semana tamén se puxeron en marcha varios puntos informativos en diferentes espazos da provincia: no Centro de Saúde de Brión —grazas á colaboración da Xunta Local de Ames— no Centro de Saúde de Ribeira; na Casa do Mar na Coruña, e no CPI Atios de Valdoviño.
Ademais, nos próximos días continuarán as accións no ámbito educativo, cunha charla dirixida a alumnado de secundaria o próximo 4 de xuño no centro EFA Fonteboa de Coristanco. Tamén se desenvolverán accións formativas sobre novos dispositivos relacionados co tabaco no Centro de Saúde de Ribeira, dirixidas tanto a profesionais sanitarios —o 10 de xuño— como a familias —o 17 de xuño—, co obxectivo de mellorar o coñecemento sobre estas formas de consumo emerxentes.
Estas accións son as que se están desenvolvendo ao redor da data conmemorativa do 31 de maio, pero desde a Asociación lembran que este compromiso fronte ao tabaquismo e as novas formas de consumo non pode limitarse a días concretos, senón que forma parte dun traballo continuado ao longo de todo o ano, consolidando un labor permanente de sensibilización, prevención e promoción de hábitos saudables en toda a provincia.
Un compromiso colectivo coa saúde
O Día Mundial Sen Tabaco representa unha oportunidade para xerar conciencia social e reforzar mensaxes baseadas na evidencia, promovendo accións que contribúan a un cambio real e sostido na sociedade.
A Asociación Española Contra o Cancro fai un chamamento á cidadanía para sumarse a este obxectivo común: protexer a saúde, especialmente a dos máis novos, e avanzar cara a unha sociedade libre de fume.
Sobre a Asociación Española Contra o Cancro
A Asociación Española Contra o Cancro é a entidade de referencia na loita contra o cancro desde hai 72 anos. Dedica os seus esforzos para mostrar a realidade do cancro en España, detectar áreas de mellora e poñer en marcha un proceso de transformación social que permita corrixilas para obter unha abordaxe do cancro integral e multidisciplinar. No seu ADN está estar á beira das persoas polo que o seu traballo tamén se orienta a axudalas a previr o cancro; estar con elas e as súas familias durante todo o proceso da enfermidade, se llo diagnostican; e mellorar o seu futuro co impulso á investigación oncolóxica. Neste sentido, a través da súa Fundación Científica, a Asociación aglutina a demanda social de investigación contra o cancro, financiando por concurso público programas de investigación científica oncolóxica de calidade. Hoxe en día, é a entidade social e privada que máis fondos destina a investigar o cancro: 143 millóns de euros en 750 proxectos, nos que participan máis de 2.300 investigadores.
A Asociación integra a pacientes, familiares, persoas voluntarias e profesionais que traballan unidos para previr, sensibilizar, acompañar ás persoas afectadas e financiar proxectos de investigación oncolóxica que permitirán un mellor diagnóstico e tratamento do cancro.
Estruturada en 52 Sedes Provinciais, e presente en máis de 2.000 localidades españolas, conta con máis de 35.000 persoas voluntarias, máis de 728.000 socios e 1.261 profesionais.