‘Saberes e Sabores’, un proxecto de voluntariado interxeracional co que colabora o Concello de Cabana. O alcalde, José Muíño, participou na presentación da iniciativa xunto ao presidente de Íntegro, Adolfo López, e outros representantes da entidade, radicada no municipio.
O programa desenvolverase ata o 15 de maio e promove a participación activa de persoas mozas, maiores e con discapacidade, tendendo pontes entre xeracións para compartir coñecementos, habilidades e ferramentas. Nel participan catro voluntarios —dous maiores de 55 anos e dous menores de 35— organizados en dúas parellas interxeracionais.
Unha delas encárgase do cultivo de produtos de tempada nun invernadoiro. A persoa maior achega a súa experiencia na agricultura, mentres que a máis nova contribúe co seu dominio das novas tecnoloxías para optimizar o proceso.
A outra parella traballa nos fogóns cos alimentos obtidos no invernadoiro. A persoa de maior idade comparte a sabedoría da cociña tradicional, mentres que a máis nova incorpora innovación e novas técnicas.
A terceira liña de actuación céntrase no aproveitamento deste traballo conxunto para apoiar os veciños da contorna que máis o precisan. Tanto os produtos do invernadoiro como os pratos preparados no obradoiro repártense entre persoas maiores en situación de vulnerabilidade.
O Concello colabora identificando os fogares onde esta doazón é máis necesaria. Dende o goberno municipal expresaron o seu agradecemento polo labor de Íntegro, “que leva tres décadas levando a cabo un excelente traballo, promovendo a integración e camiñando cara a unha sociedade máis xusta”.