A bacía do Lérez necesita manter a contención no consumo de auga

1 minutes read

A Xunta e os concellos da bacía do Lérez coinciden na necesidade de manter a contención no consumo da auga nos usos municipais e individuais para garantir o abastecemento na área.

O xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, mantivo un novo encontro telemático con representantes dos municipios de Pontevedra, Sanxenxo, Marín e Bueu para analizar conxuntamente a evolución da situación de prealerta por escaseza de auga.

Nesta reunión de seguimento que Augas de Galicia está a levar a cabo semanalmente con concellos, constatouse que as entidades locais seguiron aplicando as medidas de contención do consumo que viñan tomando ata o de agora. A este respecto, e de acordo cos datos de consumo diarios recompilados pola entidade hidráulica da Xunta, mantense entorno dos 0,5 m3/s.

No encontro tratouse, tamén, a incidencia das choivas rexistrada estes días e o seu impacto no caudal medio do río, observándose un pico de subida no mesmo. No obstante, tal e como advertiu o xerente de Augas de Galicia, a falta de previsións de continuidade de precipitacións, cóntase con que o río volverá nos próximos días aos niveis da pasada semana, polo que se reiterou aos concellos a necesidade de non relaxar as medidas de aforro adoptadas.

A este respecto, é moi importante que os concellos, que son os responsables dos sistemas de abastecemento, analicen aqueles usos da auga menos prioritarios que se poidan realizar nos seus termos municipais e que tomen as medidas que consideren necesarias para reducir a demanda.