A baía coruñesa acollerá os días 28 e 29 o 35 trofeo Teresa Herrera de traiñeiras

1 minutes read

A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, presentou a trixésimo quinta edición do trofeo Teresa Herrera de traiñeiras na categoría masculina e a quinta na feminina, que se disputarán os días 28 e 29 na baía coruñesa. Acompañada polo presidente da Federación Galega de Remo, José Manuel Seijas, a edila recordou que na Coruña hai unha gran tradición nesta especialidade, «un deporte que cada vez cobra máis atención pola espectacularidade das imaxes obtidas, sobre todo, desde o aire». Martínez sinalou que o trofeo inclúe a décimo terceira bandeira de traiñeiras masculina e a segunda bandeira feminina: «Un evento máis co noso mar como protagonista, unha cuestión fundamental para o Goberno de Inés Rey, que quere involucrar a cidadanía na práctica dos deportes náuticos».

Esta cita, que lle porá fin á liga galega de traiñeiras, reunirá un total de 23 tripulacións masculinas e 8 femininas. A competición comezará o sábado 28 pola tarde coa regata do ‘play-off’, unha contrarreloxo na que participarán todos os barcos, divididos nas súas propias categorías, e que decidirá as/os participantes na regata clásica de 3 millas con 4 largos e 3 ciabogas sobre babor, que terá lugar na mañá do domingo 29.