A bandeira Sendeiro Azul volverá a ondear en Razo-Baldaio e no paseo marítimo de Caión

1 minutes read

O tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, e o edil Pablo Cambón representaron ao Concello da Laracha no acto de entrega das bandeiras dos Sendeiros Azuis celebrado na localidade madrileña de Las Rozas. A bandeira que recolleron de mans do presidente de Adeac, José Palacios, ondeará no Sendeiro de Saldoiro de Caión durante os próximos meses. O Sendeiro de Saldoiro obtén o recoñecemento por undécimo ano consecutivo. É o tramo do paseo marítimo de Caión de 1,5 quilómetros de distancia que vai desde a praza Eduardo Vila Fano ata o arroio Figueirido. Ademais do Sendeiro Azul, o Concello da Laracha tamén presentou candidaturas a ADEAC para repetir en 2024 os recoñecementos de Bandeira Azul da praia de Caión e de Centro Azul de Educación Ambiental para o Museo dos Muíños de Golmar.

Razo-Baldaio

O coordinador do servizo municipal de Protección Civil de Carballo, Javier Souto, tamén acudiu ao acto de entrega das bandeiras que identificarán os sendeiros azuis galardoados este ano pola Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac), a mesma que concede as bandeiras azuis, e que recoñeceu a Senda do Mar Razo-Baldaio, un itinerario de 5,5 quilómetros de lonxitude que une o porto de Razo co espazo natural de Baldaio pasando polas praias carballesas que ano tras ano veñen revalidando tamén a bandeira azul.

Este galardón destaca o compromiso das administracións públicas na recuperación e posta en valor de itinerarios que promoven a educación ambiental e o desfrute sostible das súas contornas naturais.

En toda España hai 128 Sendeiros Azuis, dos cales 49 son itinerarios galegos pertencentes a 27 concellos diferentes, 8 deles na provincia da Coruña.