No marco da ampla programación promovida arredor do 21 de marzo, Día Mundial da Poesía, a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal acolle o espectáculo Videopoética, unha proposta creativa que combina o recital en directo con pezas de audio e proxección de videopoesías da man da coñecida poeta e xestora cultural Yolanda Castaño.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou este evento que, segundo explicou, “forma parte dunha manchea de iniciativas que se desenvolven durante estes días para poñer en valor e visibilizar as autoras e autores que apostan polo galego como ferramenta da súa expresión artística e que manteñen vivas as nosas letras”. Ademais, acompañado de Yolanda Castaño, visitou a mostra conmemorativa e participativa que durante este mes se exhibe na biblioteca compostelá.
A actividade poderase gozar en directo este mércores a partir das 19,30 horas na propia biblioteca, con capacidade reducida e entradas dispoñibles alí desde media hora antes, e tamén se proxectará desde o perfil de Instagram @bpsanxelcasal.