A borrasca Ingrid deixou máis de 400 incidencias rexistradas no 112 Galicia

2 minutes read

Este venres o 112 Galicia rexistraba un total de 427 incidencias relacionadas cos efectos da meteoroloxía adversa que afecta á comunidade galega, nun contexto marcado por avisos laranxas por neve en varias zonas do interior e por fenómenos costeiros en todo o litoral galego.

A maior parte das incidencias xestionadas están relacionadas coa presenza de árbores e pólas nas estradas (161). Séguenlles as actuacións de prevención de riscos (63), como apuntalamentos ou revisións de elementos inestables; os restos de accidentes ou obxectos na vía (47), ao mesmo nivel que os restos de cables e postes de luz (47). Ademais, contabilizáronse 61 incidencias vinculadas á circulación por neve ou placas de xeo e 16 derrubamentos.

Por provincias, o maior número de incidencias rexistrouse en Pontevedra (165) e A Coruña (161), seguidas de Ourense (63) e Lugo (37).

En canto aos concellos máis afectados, destacan na provincia de Pontevedra Vigo (30) e Pontevedra (22), seguidos de Redondela e Sanxenxo (8). Na provincia da Coruña, os municipios con máis avisos foron Ferrol (17), Narón (11) e A Coruña (8). En Ourense salientan Ribadavia (9) e Laza (6), mentres que en Lugo destaca Vilalba (3).

Incidencias destacadas relacionadas coa meteoroloxía

Entre os sucesos máis relevantes, ás 14:40 horas, na PO-232, no quilómetro aproximado 6, ao seu paso por Cuspedriños, un particular informou dunha saída de vía debido á presenza de xeo na calzada, resultando ferida unha persoa.

Posteriormente, ás 17:10 horas, rexistrouse unha colisión múltiple na A-52, no quilómetro aproximado 266, no concello de Melón, causada pola saraiba. No accidente víronse implicados 8 vehículos e 5 persoas resultaron feridas leves.

Así mesmo, ás 17:25 horas, produciuse outra saída de vía na AG-46, no quilómetro aproximado 9, no concello de Moaña, tamén como consecuencia da saraiba, con 4 vehículos implicados.

Por outra banda, o 112 Galicia tamén tivo constancia de vehículos con dificultades para circular debido á presenza de xeo e neve en estradas de concellos como Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Avión, A Fonsagrada, Beariz e A Lama.