O temporal deixou máis de 700 incidencias rexistradas no 112 Galicia

2 minutes read

O paso da meteoroloxía adversa por Galicia continúa a deixar unha elevada actividade no 112 Galicia. Entre os días 23 e 24 de xaneiro, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias xestionou un total de 684 incidencias, das cales 160 foron rexistradas ao longo do día 24.

No que respecta ás tipoloxías, os problemas de circulación asociados á neve, á saraiba e á formación de placas de xeo foron a incidencia máis frecuente, cun total de 193 avisos, especialmente destacados no día de hoxe. A estes súmanse 201 incidencias pola presenza de árbores e pólas nas estradas, así como 81 actuacións preventivas para reducir riscos. Ademais, rexistráronse 72 avisos por cables e postes de luz caídos, 56 por restos de accidentes ou obxectos na calzada e 18 derrubamentos. Só no sábado día 24, 75 das incidencias estiveron directamente relacionadas con dificultades na circulación pola presenza de neve, xeo ou saraiba, mentres que 29 corresponderon á presenza de árbores ou pólas nas vías.

A nivel provincial, Pontevedra concentra o maior volume de incidencias, con 225 avisos, seguida da provincia da Coruña (201), Ourense (148) e Lugo (104).

Por concellos, destacan na provincia de Pontevedra Vigo (35) e Pontevedra (31), xunto con Vilagarcía de Arousa (11), Sanxenxo (10) e Cercedo-Cotobade (9). Na Coruña, os municipios máis afectados foron Ferrol (22), Narón (15), A Coruña (11) e Boiro (8). En Lugo salientan Folgoso do Courel (7), Taboada (6) e Pedrafita do Cebreiro (6), mentres que en Ourense rexistraron un maior número de avisos Laza (11), Ribadavia (9) e Ourense (8).

En canto ás incidencias máis salientables, non se produciron novos sucesos de especial relevancia respecto ao periodo anterior, mantendo unha situación caracterizada principalmente polas complicacións derivadas da neve, do xeo e do temporal marítimo.

Desde o 112 Galicia insistimos na importancia de manter a prudencia, limitar os desprazamentos aos estritamente necesarios e atender sempre ás recomendacións das autoridades e dos servizos de emerxencia, especialmente nas zonas con avisos activos.