A campaña de vacinación contra a gripe durará doce semanas

Vacinas gripe Galicia_Xunta

  • Sanidade lembra a importancia de vacinarse este ano fronte á gripe xa que, no contexto da pandemia pola Covid-19, poden coincidir ambas infeccións

Este luns presentouse a campaña de vacinación da gripe 2020, que ten como obxectivo xeral diminuír o número e a gravidade das complicacións derivadas do padecemento desta enfermidade, minimizando o efecto na saúde mediante a súa prevención. A tal efecto, o departamento sanitario galego vai investir 3,2 millóns de euros e desde Sanidade lembran a importancia de vacinarse este ano fronte á gripe xa que, no contexto da pandemia pola Covid-19, poden coincidir ambas infeccións.

Tal e como destacaron a directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán Parrondo, e director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas, este ano a campaña arrincará o día 13 de outubro e rematará o 31 de decembro: 12 semanas seguidas para acadar unha cobertura na poboación de 65 ou máis anos e nos traballadores sanitarios do Sergas igual ou superior ao 75%. No caso das mulleres embarazadas e persoas con condición de risco, o obxectivo de cobertura sitúase unha porcentaxe igual ou superior ao 60%.

A Consellería de Sanidade mercou inicialmente un total de 617.500 doses, e o resto, ata completar o total de 865.830, son subministradas polo Ministerio de Sanidade (248.330). O total de doses deste ano supón 200.830 máis que no ano anterior.