A candidata do PP á presidencia de Asturias, imputada por prevaricación urbanística


Teresa Mallada, candidata elixida a dedo por Pablo Casado para concorrer ás próximas eleccións autonómicas do 26 de maio no Principado de Asturias, está imputada nun caso de prevaricación urbanística. A tamén expresidenta de Hunosa, que foi concelleira da localidade asturiana de Aller entre 2008 e 2010, forma parte dos investigados –antiga imputación– polo Xulgado de Instrución Número 3 de Oviedo por autorizar cando era edil da localidade a compra duns terreos para construír un xeriátrico supostamente de forma irregular.

A imputación de Mallada, así como a do resto de concelleiros de Aller entre 2008 e 2010, débese a unha denuncia presentada en setembro por Podemos, que asegurou que “o pleno do Concello de Aller autorizou por unanimidade a compra dos terreos e construír sen licenza o xeriátrico con todos os informes municipais en contra”.