A Canle +65 da Xunta atendeu máis de 3.000 chamadas desde outubro

1 minutes read

A Canle +65, a canle específica de atención administrativa xeral e preferente para as persoas maiores de 65 anos, atendeu desde a súa posta en marcha o pasado tres de outubro máis de 3.000 chamadas.

Esta iniciativa pioneira, cuxo obxectivo é romper coa fenda dixital, facilitando unha atención máis personalizada ás persoas maiores, inclúe servizos como a mellora da atención telefónica nos centros de saúde, ou a atención presencial priorizada nas Oficinas de Información e Rexistro da Xunta de Galicia, así como nas oficinas da Axencia Tributaria de Galicia e, nos dous casos, unha atención telefónica non automatizada de información xeral a través dun telefono gratuíto.

No tocante aos centros de atención primaria do Sergas, cómpre salientar que a atención telefónica para maiores de 65 anos priorízase mediante un sistema automatizado que permite que o maior que chame ao seu centro de saúde, e non poida ser atendido no momento, teña a opción de que o operador sanitario devolva a chamada con carácter prioritario.

A Canle+65 conta cunha liña gratuíta específica de atención (900 333 666), para facilitar información sobre servizos ou procedementos administrativos dirixidos ás persoas maiores. Estas chamadas son atendidas por un operador humano, sen esperas e sen necesidade de marcar opcións nin escoitar mensaxes mecanizadas. Desde a súa posta en servizo, as solicitudes de información máis habituais foron as relacionadas coa dependencia, avisos de vespa velutina, coas prestacións económicas ou con programas como o de Benestar en Balnearios ou Xuntos polo Nadal.