A Deputación da Coruña presentou este luns o ciclo de concertos ‘Marcial del Adalid. Piano a 4 mans’, unha proposta impulsada pola Área de Cultura no marco do bicentenario do nacemento do compositor coruñés Marcial del Adalid (A Coruña, 1826 – Oleiros, 1881). No acto participaron a deputada de Cultura, Natividade González; o doutor pola Universidade de Santiago de Compostela e catedrático de piano no Conservatorio Superior de Música da Coruña, Javier Ares Espiño; e o catedrático de piano acompañante no mesmo centro, Jorge Briones Martínez. Un deses concertos celebrarase o 27 de xuño, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Vimianzo.
O resto serán o10 de abril, ás 20:30 h, no Teatro Jofre de Ferrol; 27 de abril, ás 19:00 h, no Conservatorio Profesional de Música das Pontes de García Rodríguez; 12 de xuño, ás 20:30 h, na Igrexa de Santa María de Azogue de Betanzos; 13 de xuño, ás 20:30 h, no Teatro da Beneficencia de Ortigueira.
O repertorio do ciclo inclúe pezas como Andantino, Minuetto e Trio, a Marcha fúnebre Op. 3 e dúas sonatas completas para piano a catro mans, xunto con tres marchas —en do menor, mi maior e re menor—, configurando un programa que combina obras de carácter íntimo e expresivo con outras de maior brillantez e desenvolvemento formal, ofrecendo unha visión ampla e representativa desta parte esencial da produción de Adalid.