O ciclo Clásicas desfeitas, coproducido pola Cidade da Cultura e o Centro Dramático Galego, arrinca este sábado 19 de marzo coa estrea de Arte sen guión, unha comedia que intenta responder desde a creación contemporánea a un misterio por resolver: existiu o teatro en galego na Idade Media? A compañía Galeatro válese das técnicas da improvisación e da musica para construír unha peza cargada de humor na que o antigo e o moderno batallan e dialogan entre si.
A obra, primeira produción de Galeatro dirixida ao público adulto, forma o volume catro de Clásicas desfeitas, iniciativa posta en marcha pola Xunta que aposta por crear espectáculos anovadores e actuais a partir de textos clásicos da literatura no marco do programa de Residencias Artísticas do Gaiás.
Arte sen guión terá dúas representacións esta fin de semana, esta tarde de sábado ás 18,00 horas e o domingo 20 de marzo ás 12,00 horas, e empregará como táboas os espazos naturais e arquitectónicos da Cidade da Cultura. As entradas poden adquirirse en Ataquilla e no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás.