A Cidade da Cultura acollerá a próxima fin de semana as III Xornadas Artesanía no Prato

2 minutes read

As III Xornadas Artesanía no Prato desenvolveranse o 21 e o 22 de novembro no Museo Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia en horario de 11:30 a 21:00 horas. Na programación desta edición inclúese un novo espazo de coloquio arredor do papel da artesanía e do produto de proximidade no ámbito da cociña no que participarán chefs, artesáns e expertos en materia de artesanía. Será un punto de encontro no que reflexionar sobre temas como o deseño e a ética sostible, o impulso da innovación ou o proceso creativo do traballo artesán. Neste Espazo Encontro participarán chefs como Jorge Gago, do restaurante A Maceta (Santiago de Compostela) e Pepe Solla, de Casa Solla (Poio), artesás como Laura Delgado, Idoia Cuesta e Maialen Arranz; e expertas como Isabela Muñoz, redactora xefe de Cociña, Decoración e Viaxes da revista Telva, ou Macarena Navarro-Reverter, consultora de artesanía española, historiadora e xornalista.

Durante o evento desenvolverase tamén o Espazo Cociña, no que se realizarán diferentes demostracións gastronómicas onde os asistentes poderán degustar pratos elaborados por recoñecidos cociñeiros galegos servidos en pezas da marca Artesanía de Galicia.

Neste Espazo Cociña está prevista a participación dos chefs Iñaki Bretal, do restaurante Eirado da Leña (Pontevedra); Moncho Bargo e Javier Freijeiro, de Pracer (A Coruña); Natalia Devesa e Adrián Reboredo, de A Carrilana (Santiago de Compostela); Adrián Felípez, de Miga (A Coruña); Álvaro Villasante, de Paprica (Lugo); María Varela, de
A Parada das Bestas (Pidre, Lugo); Xoán Crujeiras, de Bido (A Coruña) e Jorge Gago, de
A Maceta (Santiago de Compostela).

As xornadas están dirixidas ao público profesional relacionado coa hostalería e a restauración, co comercio ou coa decoración de interiores. Tanto para o espazo de exposición de artesanía como para o Espazo Encontro a entrada será libre, mentres que os profesionais que accedan ao Espazo Cociña deberano facer con invitación previa.