Así son os datos de sinistralidade viaria que manexa a Concellería de Protección Cidadá, referidos ao pasado exercicio. A concelleira responsable desta área, Eva Vilaverde explicou que, a pesar das «circunstancias especiais» do pasado exercicio, a tendencia á baixa continuaría no camiño marcado durante os últimos anos, e que os datos do 2020 «son claros e obxectivos e falan de cifras xa de resistencia».
Segundo información da Policía Local, durante o pasado ano Pontevedra rexistrou 351 sinistros nos que se contabilizaron 81 feridos: 77 leves e 4 graves (con asistencia hospitalaria de máis de 24 horas). No relativo aos feridos graves, tres deles conducían o vehículo sinistrado e un era un peón. Vilaverde insistiu en que esta tendencia «xa vén de atrás» e que responde a que «Pontevedra é unha cidade segura» e á liña de traballo dos últimos anos respecto ao modelo urbano.
«Pontevedra atopou o camiño xa hai anos e é polo que debemos seguir camiñando porque está a dar resultados importantes». En comparación co ano 2019, os accidentes reducíronse un 31,71%, pasando de 514 a 351; os feridos leves nun 34,7%, pasando de 118 a 77; e os graves nun 81%, pasando de 21 a 4. En canto ao número de atropelos, rexistráronse un total de 18, contabilizándose 17 feridos leves e 1 ferido grave. No relativo ao tipo de vehículo implicado, 12 foron turismos, 2 furgonetas, 2 motocicletas, e 1 bicicleta.