O Concello lamenta as molestias que esta situación está causando á veciñanza, ao tempo que lembra que se trata dunha situación allea que obriga a priorizar a seguridade dos traballadores e a calidade das obras.
As condicións climatolóxicas adversas rexistradas durante as últimas semanas obrigaron a paralizar temporalmente unha serie de obras de mellora da rede viaria que se atopaban en fase de execución.
Desde o período posterior ao Nadal, a persistencia das chuvias e os episodios de fortes ventos impediron o desenvolvemento normal dos traballos previstos en distintas actuacións de mellora e acondicionamento de estradas. Estas circunstancias meteorolóxicas fixeron inviable garantir tanto a seguridade dos operarios como a correcta execución técnica das obras, razón pola que se optou pola súa paralización temporal.
As actuacións afectadas, en execución e paralizadas no momento actual, son as seguintes:
- Renovación integral da estrada entre A Baiuca e Santa Margarida (parroquia de Montemaior).
- Renovación da estrada no Padronelo (Cabovilaño).
- Mellora da capa de rodadura na parroquia de Soandres nos núcleos da Millarada, A Tapia e O Corgo de Abaixo.
- Mellora da estrada entre Encián e As Senras, tamén na parroquia de Soandres.
Ademais, o proxecto de mellora da rúa dos Oleiros e dun tramo da rúa Campo da Feira da vila de Paiosaco está adxudicado, pero non puideron iniciarse as obras polo mesmo motivo.
O Concello traslada á veciñanza as desculpas polas molestias que esta situación poida ocasionar, especialmente ás persoas usuarias habituais das vías nas que se estaba a intervir, polas incomodidades que xerab estas interrupcións nos traballos, ao mesmo tempo que subliña que se trata dunha situación provocada única e exclusivamente polas condicións meteorolóxicas adversas. Nin o Concello nin as empresas construtoras adxudicatarias da execución dos proxectos teñen responsabilidade algunha nesta circunstancia sobrevida. Os traballos retomaranse tan pronto como o tempo o permita e existan garantías suficientes para asegurar unha execución axeitada das actuacións previstas.
Desde o Concello mantense o compromiso de continuar mellorando a rede viaria municipal e agradécese a comprensión e colaboración da cidadanía ante unha situación allea a todas as partes implicadas e que obriga a priorizar a seguridade dos traballadores e a calidade das obras.