O concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, presentaron MercaEscola, un programa formativo e informativo que inclúe 12 actividades dirixidas a persoas adultas e que se desenvolverá na aula de formación do mercado municipal desde o 11 de marzo ata o 6 de xuño.
Tal como explicou o concelleiro, MercaEscola nace cun dobre obxectivo: “Por unha parte, atender a demanda de formación que nos trasladan as persoas que asisten a outras actividades, como os cursos de manexo dos teléfonos móbiles ou a Universidade Sénior, e, por outra, seguir dinamizando o mercado municipal, converténdoo nun lugar de referencia para a compra pero tamén para a formación”. Neste sentido comentou que este podería ser o primeiro paso para, en función da aceptación e da demanda, crear un aula de formación permanente.
As persoas que asistan a todo o curso recibirán ao remate un diploma acreditativo, pero tamén é posible inscribirse para sesións soltas. Dado que as prazas son limitadas, terán preferencia as persoas que e anoten para o curso completo. O impreso pode recollerse no mostrador do primeiro andar da casa do concello, e poderá entregarse presencialmente neste mesmo punto ou ben enviarse por e-mail a comunicacion@carballo.gal. O prazo está aberto ata o xoves 7 de marzo. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. A matrícula e as sesións son de balde.
O alcalde destacou a variedade e o interese da programación e animou á veciñanza a participar.
MercaEscola inclúe 12 actividades repartidas en tres bloques claramente diferenciados. Consumo, saúde e medio ambiente.