- Reclámanlle á Xunta que reforce os centros sanitarios públicos
A Confederación de Forzas Locais Galegas (CFLG) demanda un cambio na xestión da pandemia por parte da Xunta de Galicia debido á situación tan crítica que está vivindo a comunidade galega, con 22.511 casos activos rexistrados este sábado.
Desde a CFLG piden que se reforce a sanidade pública e se realicen cribados poboacionais para controlar a expansión da Covid-19, dous obxectivos que «lle corresponderían ao Goberno autonómico» pero que non se puxeron en práctica.
«A perda de control por parte da Xunta sobre a pandemia é indiscutible, a pesar de que fomos varias as formacións políticas municipais as que denunciamos a inexistencia de rigor e uniformidade á hora de levar a cabo o protocolo que a propia Consellería de Sanidade deseñara», destacan desde a Confederación de Forzas Locais Galegas. Ademais, sinalan que non se reforzaron os centros sanitarios nin se implantou un sistema efectivo de rastreo.
Desde a entidade solicitan cribados en todas as actividades que se realicen en espazos pechados, polo que son considerados poucos seguros, e que se prioricen nos centros de ensino por dous motivos básicos: o gran incremento de casos que se están producindo neses edificios, e a facilidade de expansión da enfermidade afectando a familias enteiras ao ser, na maioría dos casos, infeccións asintomáticas.
A Confederación segue apelando á responsabilidade individual para poder frear esta situación xa que «se o noso goberno non é quen de protexernos, só coa forza das persoas poderemos rematar con esta letal enfermidade».