A conselleira de Política Social e Igualdade visitou os cinco usuarios da nova casa do maior da Campara, en Ponteceso

1 minutes read

Fabiola García, acompañada do director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, e da concelleira de Servizos Sociais, Marisé Álvarez, visitou este martes os cinco usuarios da nova casa do maior A Campara, de Ponteceso, que abriu as súas portas recentemente. Trátase dun dos 160 recursos destas características que a Xunta impulsa en Galicia e que suman xa 800 prazas gratuítas de atención diúrna no rural.

En concreto, A Campara púxose en marcha grazas á última orde específica para creación destes recursos do ano 2025, na que a Xunta investiu algo máis dun millón de euros, e que permitiu ampliar a rede ata as 160 casas do maior que hai agora nas catro provincias galegas.

Durante a visita,  destacou que as casas do maior son servizos pioneiros en todo o país, que buscan responder ás necesidades dos maiores, ao tempo que facilitan sigan vivindo na súa contorna sen renunciar a uns coidados de calidade. Do mesmo xeito, explicou que a súa posta en marcha crea emprego na zona, dinamiza o rural e facilita a conciliación das familias.

Neste sentido, Fabiola García explicou que “é unha satisfacción” ver a acollida destes recursos “tanto polos promotores como polos concellos”, e que dá conta do bo funcionamento desta medida. Por iso, lembrou que este ano o Goberno galego destina cada ano seis millóns de euros para o seu mantemento e consolidación. Así pois, fixo fincapé en que se trata duns recursos creados e pensados para atender á realidade galega marcada, dixo, pola dispersión xeográfica e a lonxevidade.