A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas deu conta do proxecto de trazado da variante de Carballo

2 minutes read
  • O goberno municipal valora de xeito moi positivo a aprobación do trazado da variante, unha obra estratéxica pola que Carballo leva esperando 17 anos

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, presentou este venres o proxecto de trazado da variante de Carballo, que suporá un investimento autonómico de 22M€ e permitirá reducir o tráfico pesado na trama urbana e reforzar a seguridade viaria e a competitividade na contorna. Nesta presentación tamén estivo a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza.

Allegue subliñou que o Goberno galego sempre mantivo o compromiso co impulso desta estrada, cuxa redacción de proxecto de trazado foi complexa. Explicou que unha vez publicada a aprobación hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), se continuará coa elaboración do proxecto construtivo para logo licitar e executar as obras.

O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, valorou positivamente o avance administrativo dunha obra “estratéxica” pola que Carballo leva esperando 17 anos, e destacou que a Xunta de Galicia “sempre vai atopar neste Concello e neste alcalde a máxima lealdade institucional para colaborar, arrimar o ombreiro e axilizar o que faga falta”. Pero tamén incidiu en que a variante transcende o ámbito dunha simple obra viaria. “Para Carballo é unha necesidade vital e un eixe estrutural para o noso desenvolvemento económico, pero por riba de todo, é unha cuestión de seguridade viaria e calidade de vida“, sinalou.

A variante terá unha lonxitude de 3,6 quilómetros e funcionará como unha vía convencional, con circulación en ambos sentidos e conexións mediante glorietas.

Trátase dunha vía de novo trazado para dar saída directa ao polígono industrial de Carballo cara ás estradas de Ordes e Santiago, evitando a circulación de tráfico pesado pola vila.

A estrada divídese en dous tramos: un primeiro, de 2.850 m de lonxitude entre a AC-552 e a AC-413 e o segundo, de 800 metros entre a AC-413 e a DP-1914.

Entre as estruturas previstas, destacan un viaduto sobre o río Anllóns, dous pasos superiores e un paso inferior ou un marco para o rego Añón.

A nova vía permitirá dar saída directa ao polígono cara ás estradas de Ordes e Santiago, evitando o tráfico pesado pola trama urbana de Carballo. Neste sentido, a conselleira salientou que esta vía contribuirá a calmar o tráfico na vila, especialmente nas zonas do instituto Alfredo Brañas, o colexio infantil e de primaria Fogar e do complexo deportivo.

Ademais indicou que a nova estrada dará un servizo máis directo ao polígono de Bértoa, motor económico desta área.

Fixo fincapé en que se trata dunha infraestrutura para mellorar os desprazamentos das persoas e deseñada tamén para reforzar a seguridade viaria na zona.