A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou as instalacións de Stolt Sea Farm en Lira

1 minutes read

Trátase dunha das plantas de referencia internacional na produción de rodaballo e linguado e a cuxa modernización contribuíu o apoio da Xunta a través do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (Fempa). Alí, Marta Villaverde, destacou a aposta da firma pola innovación e o seu papel no desenvolvemento da acuicultura en Galicia.

A conselleira puxo en valor o papel estratéxico desta compañía, tanto polo seu volume produtivo como pola súa eficiencia e a sustentabilidade. Neste contexto, Villaverde afondou no apoio da Administración autonómica ao desenvolvemento do sector, lembrando que a Consellería do Mar concedeu a Stolt Sea Farm, ao abeiro da convocatoria do 2025 do Fempa, unha axuda de máis de 13,2 millóns de euros para a execución de oito proxectos nas súas plantas de Cervo e Vilán (Camariñas).

Os datos provisionais de 2025 indican que a facturación do tecido empresarial acuícola galego acadou arredor duns 235 millóns de euros. “Estamos ante un sector clave, con máis de 2.500 empresas e preto de 4.500 empregos en Galicia, que representa unha actividade estratéxica para a nosa economía”, subliñou.

No relativo á produción de rodaballo, Galicia superou as 9.300 toneladas, cun valor duns 94,5 millóns de euros, o que supón un 5,1 % da produción acuícola e representa máis do 40 % do valor económico da acuicultura, consolidando á comunidade como líder estatal nesta especie.

Pola súa banda, a produción de linguado tamén acadou cifras destacadas. Aínda que representa o 0,4 % do volume total dos cultivos mariños galegos, o seu valor sitúase preto do 5,4 %, concentrando Galicia máis de dúas terceiras partes da capacidade produtiva desta especie en España.