O Club Natación Cerceda organiza o III Trofeo de Salvamento e Socorrismo que se celebrará o vindeiro 11 de abril coa colaboración da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia (FESSGA). Así o confirmaba este mércores Ana Gende, directiva do club.
A terceira edición desta cita desenvolverase na Piscina Municipal, co inicio das probas competitivas previsto para as 10:00 horas da mañá. Participarán nadadoras e nadadores de categoría infantil, cadete e absoluta, e mediranse en modalidades como remolque de manequín, natación con aletas ou socorrista mixto, dependendo da idade.
As inscricións están abertas aos membros do Club de Natación de Cerceda, e aos integrantes doutros clubs galegos que tamén desexen participar. Deben formalizarse na aplicación web da FESSGA antes do 8 de abril por un custo de 2 euros.