Tratouse dun proxecto no que se renovou a envolvente do edificio e incorporou tecnoloxía LED e climatización máis moderna. A rehabilitación supuxo un investimento de 90.482 euros, cofinanciados pola Xunta nun 80%.
A necesidade de intervención na escola facíase patente co avance do seu deterioro, que xeraba deficiencias no illamento térmico, a eficiencia enerxética e confort. Neste sentido, e dentro da súa rehabilitación como local social para a parroquia, leváronse a cabo diversas actuacións para dotala de sistemas máis modernos.
En concreto, renovouse a cuberta con tella nova e instalouse un sistema de illamento térmico exterior grafitado. Así mesmo, instalouse unha bomba de calor, substituíuse a iluminación anterior por tecnoloxía LED e incorporouse un sistema de monitorización do consumo eléctrico.
A reforma da Escola Unitaria de Meirama foi cofinanciada con fondos da Xunta de Galicia a través dunha liña de subvencións destinada a este tipo de traballos, e que está cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.
