O Concello de Carballo ten en marcha catro proxectos de mellora da rede viaria do rural por valor de 1.257.542 €

3 minutes read

O Concello de Carballo continúa avanzando na mellora das infraestruturas e dos servizos das parroquias con catro actuacións na rede viaria rural que se atopan actualmente en diferentes fases de execución e contratación.

Nestes momentos están en marcha as obras da vía que comunica As Torres, na parroquia de Oza, con Cances Grande, e encaran a súa recta final os traballos de pavimentación de Imende, en Noicela. Paralelamente, os proxectos de mellora de Aldemunde de Arriba e da vía de acceso aos lugares da Igrexa e Casais, en Entrecruces, contan xa con propostas de adxudicación.

“Estamos actuando en distintos puntos do rural cunha planificación que vai máis alá da simple renovación dos firmes, porque aproveitamos as obras para mellorar tamén o abastecemento, o saneamento, a drenaxe, a accesibilidade e a seguridade”, destaca o concelleiro de Obras, Luis Lamas.

3,3 quilómetros entre Oza e Cances

O concelleiro de Obras e o alcalde, Daniel Pérez, visitaron esta semana unha das actuacións de maior envergadura: a mellora integral da vía entre As Torres e Cances Grande, que permitirá unir as parroquias de Oza e Cances a través dun eixo viario de 3,3 quilómetros totalmente aglomerado.

O proxecto conta cun investimento de 481.964,74 euros e inclúe a renovación do firme, a execución de sobreanchos, melloras na drenaxe, a construción de tres muros de contención e a renovación da sinalización.

A obra permitirá ademais avanzar na extensión da rede municipal de abastecemento, xa que se instalarán 1.450 metros de nova canalización ao longo do trazado. Desta maneira, o Concello coordina ambas actuacións para evitar ter que levantar no futuro unha vía recentemente renovada.

Melloras integrais na Imende e Aldemunde de Arriba

Os traballos de mellora integral do núcleo de Imende, na parroquia de Noicela, están na recta final.

Cun investimento de 434.808,04 euros, a actuación está permitindo renovar tanto o rueiro coma diferentes servizos e canalizacións, cunha intervención deseñada especificamente para mellorar a funcionalidade do núcleo mantendo as características propias dun asentamento rural tradicional.

Ao mesmo tempo, o Concello continúa coa tramitación da mellora integral de Aldemunde de Arriba, cun orzamento de 237.287 euros. O expediente conta xa con proposta de adxudicación, paso previo á formalización do contrato e ao posterior inicio das obras.

O proxecto permitirá abordar de maneira conxunta a renovación do viario e dos servizos existentes no núcleo. Executaranse 400 metros de rede de saneamento e 50 metros de pluviais, e pavimentaranse con formigón arredor de 3.200 metros cadrados. Na zona sur colocarase ademais unha nova capa de rodaxe de mestura bituminosa en quente.

A intervención complétase cunha importante mellora do espazo público, coa creación de 300 metros cadrados de zonas verdes, plantación de arborado, instalación de mobiliario urbano e renovación da sinalización horizontal e vertical.

Acceso á Igrexa e Casais, en Entrecruces

Tamén conta xa con proposta de adxudicación a actuación para mellorar a vía que comunica a estrada provincial DP-1914 cos lugares da Igrexa e Casais, na parroquia de Entrecruces. O proxecto dispón dun orzamento de 103.482,39 euros e abrangue un tramo continuo de arredor de 685 metros.

A vía presenta actualmente unha anchura media próxima aos catro metros. A actuación permitirá ampliala ata acadar un mínimo de seis metros, ademais de renovar completamente o firme mediante unha nova capa de aglomerado en quente.

A actuación facilitará tanto a mobilidade das persoas residentes coma o acceso ás explotacións e ás parcelas agrícolas e completarase coa renovación da sinalización. O proxecto está cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) a través do Plan estratéxico da PAC 2023-2027.

O alcalde destaca que as catro actuacións exemplifican a liña de traballo que o Concello está a desenvolver nas parroquias: “Cada intervención permítenos resolver varias necesidades ao mesmo tempo. Melloramos os firmes e a seguridade viaria, pero tamén aproveitamos para renovar ou instalar servizos, solucionar problemas de drenaxe e preparar as infraestruturas para o futuro”.

Daniel Pérez engade que “o rural necesita investimentos continuados e planificados, tanto nos grandes eixos que comunican parroquias como nos accesos aos núcleos e ás vivendas. Ese é o camiño no que imos seguir traballando”.