A portavoz nacional, Ana Pontón, afirmou en Corcubión que, de cara ás eleccións xerais do 29N, o voto que vale a pena é o que te representa e reivindicou ao BNG como a forza política que en Madrid “vai falar de Corcubión, de Cee, de Fisterra, das mariscadoras, da xente do mar ou da mocidade que ten dereito a ter futuro aquí”.
Así o indicou este luns nun acto público xunto ao cabeza de lista ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego, no que apelou a “alzar a voz” e dicir que “aquí está Galiza” fronte á “sordina bipartidista” que considera aos galegos e ás galegas como “a última carta da baralla”.
Por iso, Pontón apelou a concentrar no BNG “o voto galego, o voto que ten a Galiza na cabeza e no corazón” co obxectivo de darlle máis peso político ao País e acabar co guión da discriminación e o agravio que sofre Galiza no Estado.
“Somos a esperanza doutra política posible que é máis urxente que nunca”, subliñou, para advertir a continuación sobre un modelo, cuestionado cada vez por máis xente, que crea máis desigualdade e pobreza, entre clases sociais e tamén entre pobos.
Neste sentido, recordou que o territorio que máis medrou do Estado nos últimos 25 anos foi Madrid, unha gran aspiradora de recursos, riqueza e investimentos. “Nestes 25 anos, a pesar de que temos máis recursos naturais que Madrid, de que somos produtores netos de enerxía e Madrid non, Galiza perdeu peso no PIB do Estado e perdeu poboación e industria”, advertiu.
A líder nacionalista subliñou que na política estatal aténdense as necesidades de cada quen segundo o peso político e a presión que poida exercer, polo que apelou a incrementar o peso político que lle corresponde a Galiza da man do BNG.
Pontón reivindicou ao Bloque como a forza que tamén defende o dereito a unha vida digna fronte a un bipartidismo sistémico que traballa para seguir concentrando a riqueza nas mans duns poucos, para seguir centralizando en Madrid investimentos e infraestruturas e para seguir alimentando unha espiral belicista que considerou un disparate.
Neste sentido, recordou que o gasto militar do Estado para 2026 ascendeu a 35.41k9 millóns de euros, mentres que nos seus orzamentos só dedicou 2.235 millóns ás políticas de vivenda.
“Se queremos cambiar as prioridades temos que unir no BNG ás persoas que queren unha sociedade máis igualitaria, con dereitos, liberdades e paz, unir todo o voto das persoas que levamos a Galiza na cabeza e no corazón e que lles indigna e doe a discriminación ao País”, concluíu.
Pola súa parte, Néstor Rego chamou aos galegos e galegas a depositar “toda a confianza no BNG porque cumprimos coa Galiza e cos avances en dereitos sociais”.
“Un BNG máis forte en Madrid é a única garantía da defensa dos nosos sectores produtivos, da defensa das clases populares, así como dos investimentos en infraestruturas esenciais para o noso país, en definitiva, para que a Galiza conte e teña máis peso político”, remarcou.
“Cumprimos coa Galiza. Traballamos pola pesca e o marisqueo”
O cabeza de lista ao Congreso pola Coruña asegurou que “a defensa da Galiza está no BNG” e apelou ás persoas decepcionadas a non ficar na casa e crer na alternativa galega.
Nesta liña, explicou que o BNG “foi útil para a Galiza sendo a única forza política que nada máis chegar ás Cortes negociou un acordo que puxo ao noso País na axenda política do Estado, ninguén máis o fixo”.
“O BNG impulsou políticas sociais e de avance democrático”, en alusión ao aumento das pensións mínimas por riba do IPC, dos permisos de maternidade e paternidade, da consecución de máis fondos para a dependencia. “Podemos falar con orgullo tamén porque fomos un muro para deter ao bloque reaccionario de dereita e ultra dereita”, afirmou.
Fronte aos que votan en contra da Galiza como “fan os deputados do PP” coa transferencia da AP-9 ou as cercanías ferroviarias, “está quen traballa arreo pola Galiza como fixemos na defensa dos nosos intereses pesqueiros coas cotas da sardiña, da xarda ou coas vedas da UE”, indicou.
Rego mencionou tamén o feito de “termos arrancado ao Goberno un estudo do IEO por lei, recollido nun Decreto, para que se analice a produtividade das nosas rías, afectadas pola Mudanza Climática como sucedeu no pasado inverno”.
“O sector pesqueiro atravesa un momento de grave crise por múltiples causas, un sector crucial no conxunto da economía da Galiza, mais aquí está o BNG para priorizar sempre ás persoas traballadoras do mar como fixemos ao lograr aprobar una iniciativa no Congreso para o mantemento de todas as oficinas do ISM e de todos os seus servizos, como os recoñecementos médicos ou os cursos de formación”, concluíu.
