O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, advertiu no Parlamento de Galicia que os concellos «están ao bordo do crack financieiro asfixiados polos custos» e atopan «serias dificultades operativas» para enfrontaren o pago dos servizos públicos. Formoso compareceu hoxe ante a Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos da Cámara autonómica para presentar as liñas mestras dos orzamentos provinciais de 2027.
Na súa intervención, situou o infrafinanciamento dos concellos galegos e o contraste entre a xestión provincial e autonómica no centro do debate institucional. De feito, sinalou que, aínda que a Xunta recolle nos seus orzamentos para o vindeiro exercicio un incremento do Fondo de Cooperación Local nun 8,4%, ese aumento dista de cumprir coas necesidades das entidades locais. «Recoñecendo o avance, resulta insuficiente», afirmou.
O presidente provincial puxo de manifesto a grave situación financeira que atravesan os 93 concellos da provincia pola escalada de custos nos servizos básicos —como a enerxía, o lixo, a depuración ou o Servizo de Axuda no Fogar (SAF)— e pola transferencia incesante de competencias impropias sen financiamento por parte da Administración autonómica.
Diante desta realidade, contrapuxo a resposta de ambas as administracións nos seus proxectos orzamentarios: mentres o Fondo Galego de Cooperación Local da Xunta destina 203 millóns de euros para os 313 municipios de Galicia —o que supón un 1,3% do orzamento autonómico de 15.158 millóns—, a Deputación da Coruña mobiliza o 28,28% dos seus recursos directos para a asistencia municipal.
«En termos relativos, o esforzo financeiro da Deputación para finaciar aos concellos multiplica por vinte o da Xunta de Galicia: mentres a autonomía destina o 1,3% dos seus ingresos aos municipios, a Deputación destina máis do 20% do seu orzamento para o sostemento da administración local», destacou o presidente durante a súa comparecencia.
Ao mesmo tempo, denunciou que a Deputación non recibe nin un só euro do Fondo Galego de Cooperación Local, incumprindo o mandato do artigo 142 da Constitución Española. A esta situación súmase que a institución provincial destina 20.150.177,70 euros ao mantemento de seis centros educativos e de atención a menores que son competencia exclusiva da Xunta, asumindo un déficit neto de 18,98 millóns de euros anuais que poderían reverter directamente nos concellos se a Comunidade Autónoma asumise as súas responsabilidades.
Orzamentos récord e débeda cero
A Deputación da Coruña contará en 2027 cos maiores orzamentos da súa historia, alcanzando os 293.930.000 euros, o que supón un incremento do 14,6% (33,3 millóns de euros máis) grazas ao aumento das transferencias do Estado. As contas manterán por décimo ano consecutivo a débeda cero, sen recorrer a operacións de crédito nin a custos financeiros.
Entre as principais partidas e programas provinciais destacan:
• Plan único de concellos (POS+ 2027): acadará os 92 millóns de euros (+4,54%), incluíndo unha liña específica de POS Social dotada con 8 millóns de euros. Sumando as convocatorias de subvencións xa publicadas, a Deputación pon a disposición directa dos concellos 115,16 millóns de euros para 2027.
• Servizo de Axuda no Fogar (SAF): a Deputación eleva o prezo/hora financiado aos concellos de 14 € a 16 €/hora, financiando un total de 395.804 horas de atención ás persoas maiores no rural.
• Plan de emprego local (PEL): incrementase un 15,34% ata os 18,8 millóns de euros, reforzando o apoio ás persoas autónomas en municipios de menos de 10.000 habitantes.
• Casas de Acompañamento ás Persoas Maiores (CAM): avánzase no novo modelo público residencial de 5.ª xeración nas Pontes, Rianxo e Ordes para previr o desarraigamento da terceira idade.
• MercaNaVila: o programa de apoio ao comercio local nas vilas de menos de 20.000 habitantes mobilizou xa máis de 6,4 millóns de euros en vendas e 2,82 millóns en descontos, superando a contía global do bono comercio da Xunta para toda Galicia.
• Dixitalización e infraestruturas: asígnanse 1,34 millóns de euros para o proxecto Xemelgo Dixital Provincial de Calidade de Vida (3,36 M€ totais con fondos Red.es) e 37,39 millóns de euros para a conservación e mellora dos 2.050 quilómetros da rede viaria provincial.
O presidente concluíu a súa intervención defendendo a necesidade dunha «reforma financeira e lexislativa» que poña fin ao déficit de financiamento das entidades locais, co trasfondo dunha actualización da Lei de impulso demográfico e a reforma do proxecto de Lei de Administración local de Galicia co fin de dotalo de recursos estruturais e reais que garantan a supervivencia dos municipios galegos.
