O BOP publica as bases das subvencións a deportistas, entidades culturais, deportivas e ANPAS de Cerceda

1 minutes read

O Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP) publicaba este martes as bases e a convocatoria de subvencións municipais destinadas a deportistas, entidades culturais, deportivas e ANPAS de Cerceda para a realización de actividades durante o ano 2026.

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e contan cunha consignación orzamentaria de 70.000 euros. Deste importe, 10.000 euros destínanse a actividades culturais e ANPAS, e 60.000 euros a actividades deportivas e deportistas.

O obxecto das subvencións é promocionar actividades culturais, educativas e deportivas, así como a difusión da cultura popular galega, a práctica deportiva vinculada ao coidado da saúde, a dinamización da igualdade e o apoio ás traxectorias dos e das deportistas do municipio.

Poderán optar ás axudas as entidades inscritas no rexistro municipal de asociacións que teñan satisfeitas as súas obrigas económicas. No caso dos deportistas, a convocatoria vai dirixida a persoas non profesionais con licenza federativa, que destaquen por resultados en competicións oficiais e que estean empadroadas de xeito consolidado en Cerceda.

As solicitudes deberán presentarse nun prazo de 15 días naturais a partir deste martes, a través da sede electrónica do Concello. As bases ao completo están dispoñibles no Boletín Oficial da Provincia e no taboleiro de anuncios municipal.