Cada ano durante o outono o Concello organiza unha xornada micolóxica para ofrecer á veciñanza a oportunidade de achegarse ao mundo dos cogomelos, coñecer mellor as especies que medran nos nosos montes e aprender a identificalas.
O sábado 14 de novembro realizarase a XIII edición, coincidindo coa época máis favorable para a aparición de setas. Será unha nova ocasión para observar de preto a diversidade micolóxica do municipio e, da man de Raquel Poncini e Pablo Cuadrado, adquirir coñecementos que permitan recoñecer as distintas especies.
A xornada comezará ás 10:00 horas cunha saída guiada ao monte para a observación e recollida de setas. O punto de encontro será a área recreativa de Gabenlle. Pola tarde, ás 17:30 horas, terá lugar na Casa da Cultura un obradoiro de identificación das especies no que se analizarán os exemplares recollidos durante a mañá e outros que poden atoparse polos montes laracheses.
O prazo de inscrición abrirase mañá mércores. A participación é gratuíta e as solicitudes poderán tramitarse a través da web municipal de actividades, chamando ao teléfono 676 963 062 ou presencialmente na Casa da Cultura. Terán preferencia as persoas empadroadas no termo municipal da Laracha.
