A Deputación da Coruña interésase polas necesidades e os proxectos das confrarías do Pindo e Lira, en Carnota

2 minutes read

A deputada de Mar e Medio Rural da Deputación da Coruña, Cristina Capelán Cancelo, reuniuse coas directivas das confrarías de pescadores do Pindo e Lira, acompañada polo alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido, e a concelleira Merce Noceda. Os encontros permitiron coñecer de primeira man as necesidades das dúas entidades, repasar os servizos que prestan aos profesionais do mar e abordar as iniciativas que impulsan para promover os produtos locais, mellorar a formación e conservar a cultura mariñeira.

Un dos asuntos abordados foi a importancia de que as confrarías podan contar con persoal para manter a atención aos socios, tramitar a documentación necesaria para traballar e organizar actividades. Estes servizos facilitan o día a día do sector e resultan fundamentais para o funcionamento das entidades e a comercialización das capturas.

No caso de Lira, a confraría conta con 59 persoas asociadas e unha frota de 26 embarcacións. A entidade desenvolve tamén iniciativas para dar a coñecer os recursos da Reserva Mariña de Interese Pesqueiro Os Miñarzos. Entre elas figuran as dúas xornadas gastronómicas celebradas o 25 de xullo e o 8 de agosto, que reuniron arredor de 2.000 persoas. As degustacións permitiron promocionar os produtos da zona e achegar á veciñanza e aos visitantes o traballo da pesca artesanal e do marisqueo, así como a importancia do aproveitamento sostible dos recursos.

Pola súa banda, a Confraría do Pindo traladou tamén que unha das súas principais necesidades é a de contar con persoal para manter os servizos administrativos e coordinar a ampla actividade formativa, social e cultural que promoven. Ademais da tramitación de permisos e da xestión dos plans de explotación, a entidade organiza cursos para profesionais do mar e promove proxectos de turismo mariñeiro e recuperación da memoria local.

Entre as súas iniciativas destacan os roteiros de «Pindo Mariño», as audioguías de «Contos do Mar» e o proxecto «Un mar de mulleres», centrado en visibilizar a historia e o traballo das mulleres na pesca e no marisqueo. A confraría desenvolve tamén accións de recollida de lixo mariño, limpeza de praias e educación ambiental.

As dúas entidades colaboran, ademais, co Concello de Carnota en campañas informativas sobre as consecuencias do furtivismo, que promoven o respecto polo traballo dos profesionais do mar e polos recursos dos que depende o seu sustento.