A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou este mércores o aloxamento turístico Espazo Nature Retreat como unha iniciativa que responde perfectamente ao enfoque da intervención Leader porque dinamiza e promove o desenvolvemento rural e a creación de emprego no territorio. A conselleira, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez; polo director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Merelles; pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo; e polo alcalde de Carballo, Daniel Pérez, visitou este mércores as súas instalacións, situadas no Monte Peados de Razo, no concello de Carballo.
Na visita, Gómez quixo remarcar a importancia deste programa, así como da colaboración entre diferentes departamentos da Xunta, a prol do desenvolvemento do rural galego. Neste contexto, subliñou que o turismo constitúe un dos factores clave de impulso á dinamización económica das contornas locais e por iso o Goberno galego aposta pola creación de sinerxías dentro da Administración autonómica para potencialo.
Neste sentido, a conselleira salientou o convenio recentemente asinado entre o seu departamento e a Axencia Turismo de Galicia para intensificar a colaboración e mellorar a coordinación das actuacións públicas vinculadas ao turismo no rural, co fin de reforzar a eficiencia na xestión dos recursos públicos destinados a esta finalidade.
Iniciativa singular e creación de emprego
En relación con este establecemento en concreto, Gómez puxo de relevo que a súa creación supuxo un investimento global de máis de 700.000 euros. En concreto, a axuda do Leader ascendeu a 125.000 euros e permitiu converter en realidade unha iniciativa “singular” coa que tamén se crearon dous empregos.
Así mesmo, aseverou que o proxecto aposta polas enerxías renovables e pola integración paisaxística, algo polo que acadou a certificación de turismo verde. Como resumo das súas características, a conselleira afirmou que se trata dun campamento “de alta calidade, situado ademais nun lugar privilexiado”.
Esta visita prodúcese tras a publicación, a comezos deste mes de febreiro, da maior convocatoria da historia das axudas do Leader, cun orzamento de 28,7 millóns de euros para o período 2026-2028 e cun prazo de solicitudes aberto ata o 6 de abril. Un feito que tamén foi sinalado por Gómez, quen engadiu que con estes fondos apóianse tanto proxectos produtivos que xeren emprego, caso deste campamento turístico, como tamén iniciativas non produtivas en beneficio do rural.
Modelo sostible
Durante a visita, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, abundou na relevancia de proxectos deste tipo a nivel turístico, posto que contribúen de forma decisiva á redistribución territorial da oferta e á dinamización do rural como vector de atracción turística. “Este tipo de accións alíñanse coa Estratexia de turismo 2030 e permiten avanzar nun modelo sostible e enriquecedor para todo o territorio”, subliñou.
Merelles destacou asemade como proxectos como o do glamping da praia de Razo contribúen decisivamente á configuración dunha oferta diferencial e de calidade. “Este tipo de aloxamentos combínanse ademais con outros modelos de turismo que se están a potenciar desde a Xunta, como é por exemplo o turismo enogastronómico ou o activo, conformando unha proposta singular e de alto valor engadido”.