A nova convocatoria de axudas autonómicas para mercar bicicletas eléctricas e de pedaleo asistido rexistrou, desde a súa apertura hai 8 días, 500 solicitudes por valor de 250.000€ e a adhesión de 130 establecementos.
Así o precisou o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, que abordou na Comisión 2ª do Parlamento esta nova convocatoria bianual de axudas do programa Ebici, aberta o 5 de maio cunha dotación orzamentaria de 1,7M€.
Sinalou que os interesados poderán solicitar estas axudas ata o 15 de novembro de 2024 -ou ata que se esgote o crédito- para adquirir a súa bicicleta eléctrica cun notable desconto nos establecementos adheridos.
Lembrou que as axudas consisten nunha rebaixa de ata o 50% do custo da bicicleta eléctrica, cun máximo de 500 € con carácter xeral. Precisou que no caso de familias numerosas, o desconto aumenta ata un 60%, cun máximo de 600 €; ou ata un 70% e cun máximo de 700 € nas familias numerosas de categoría especial.
Detallou que, como novidade nesta convocatoria, persoas con mobilidade reducida tamén poderán acceder a un desconto de ata o 70% do custo da bicicleta de man ou híbrida, cun máximo de 700 € de subvención.
Apuntou que as solicitudes poden tramitarse a través dos comercios adheridos que figuran na listaxe da páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade.