A Corporación Municipal de Corcubión aprobou a proposta do equipo de goberno de modificación da ordenanza do lixo, mantendo as taxas para a veciñanza e recollendo a realidade do rural e das vivendas turísticas. A proposta da alcaldía saíu adiante cos votos favorables do BNG, mentres que o grupo do PP votou en contra, e o PSOE e Sempre Corcubión optaron pola abstención.
A modificación da normativa equipara a contía da taxa do lixo dos lugares de Quenxe e O Vilar co resto de núcleos da parroquia de Redonda (Oliveira, Amarela, San Roque e Redonda).
A nova ordenanza, que entrará en vigor en 2026, tamén recolle a figura da vivenda de uso turístico, que pasará a tributar cun tipo de taxa específico, considerándoa como un negocio. Este cambio normativo permitirá ao Concello de Corcubión un incremento nos ingresos polo servizo de recollida do lixo.
O alcalde de Corcubión, Xabier Domínguez Traba, lembrou que o Concello vén de actualizar o padrón do lixo, “incorporando centos de vivendas novas que non estaban dadas de alta e non pagaban polo servizo, e logo de máis de vinte anos sen que dito padrón estivera ao día”.
O rexedor corcubionés destacou que “esta actualización suporá un aumento do censo e por tanto da tamén da recadación nas arcas municipais, mais hai que ter en conta que o servizo de recollida do lixo supón un gasto moi importante para o Concello, e máis despois de que a Xunta subira o prezo da tonelada de residuos este ano”.
“Por iso é fundamental e necesario que os veciños e veciñas reciclen aínda máis, para evitar ter que subir as taxas, como xa fixeron este ano outros concellos da comarca, porque o servizo segue sendo deficitario”, insistiu Domínguez Traba.
4