A Corporación local da Coruña busca que as persoas con rendas máis baixas non paguen polos servizos básicos

1 minutes read
  • O Concello establece unha “cota cero” para as persoas que reciban o IPREM (537 euros/mes)

O Goberno local presenta mañá ao Pleno para a súa aprobación as modificacións das ordenanzas fiscais que entrarán en vigor en 2020 co fin de garantirlles ás persoas sen recursos o acceso aos servizos básicos.

As modificacións establecen unha cota cero e bonificacións nos servizos de depuración, saneamento, subministración de auga potable e na taxa de lixo para as persoas con menos recursos que están en risco de exclusión social. Nesta modificación introdúcese “o dereito humano ao acceso á auga potable”.

O portavoz municipal, José Manuel Lage, explicou que todas as persoas que reciban o IPREM (537 euros/mes) ou outros subsidios de menor contía non pagarán por eses servizos e taxas e quen gañe 1,5 veces o IPREM (805 euros/mes) terá unha bonificación do 75% nestes servizos e taxas municipais.

Co fin de primar a redución dos residuos, o Concello presenta unha ordenanza que busca lograr unha cultura de residuos “cero”. Así as persoas ou entidades que instalen composteiros individuais ou comunitarios terán un 50% de bonificación.

O portavoz municipal sinalou durante a presentación das ordenanzas que “son responsables fiscalmente ao non poñer en risco a política de ingresos; xustas socialmente, porque bonifican as persoas que teñen menos recursos e comprometidas co medio ambiente ao primar a redución de residuos cunha bonificación novidosa».