A Coruña e Arteixo comprométense a conectar ambos paseos marítimos cun novo carril bici

2 minutes read
  • Carlos Calvelo destacou que con esta colaboración poderían ter os carrís bici máis amplos de España e de Europa

A alcaldesa, Inés Rey, reuniuse durante a mañá deste venres no consistorio co seu homólogo en Arteixo, Carlos Calvelo, nunha primeira reunión de carácter oficial entre a rexedora e o rexedor dos concellos veciños.

Inés Rey asegurou que ambos os concellos «están chamados a entenderse, a cooperar e a colaborar na medida en que esas colaboracións beneficien ás veciñas e veciños dos dous municipios» e, explicou, trataron temas «de carácter estratéxico en canto a infraestruturas, transporte, xestión de servizos públicos, como o ciclo da auga e o tratamento de residuos, ademais de ver en que podemos mellorar as nosas relacións e o futuro dos nosos concellos».

A rexedora anunciou un proxecto en común en canto ás infraestruturas dos municipios lindeiros: «O final do carril bici que vai polo tramo de Bens correspondente ao Concello da Coruña que conectaría co concello veciño». Rey explicou que «Arteixo faría pola súa banda esa conexión pola beira do mar e, deste xeito, conectaríanse ambos os concellos con ese carril bici». Pola súa banda, Carlos Calvelo fixo fincapé en que con este proxecto conxunto «teriamos un dos carrís bici máis amplos de España e de Europa».

En canto á planta de Nostián, o rexedor de Arteixo anunciou que están abertos a levar os seus residuos alí «a condición de que o novo contrato permítao» e, espera, «podamos incorporar os nosos residuos á planta, xa que estamos moi preto e sería moi eficiente para o municipio de Arteixo».

Carlos Calvelo, na súa valoración deste encontro, agradeceulle ao Concello da Coruña «un cambio significativo como foi a liña de bus 6 que se introduciu en Meicende cunha aceptación e rendemento moi importantes e, nas últimas semanas, a introdución da liña 24».